15 jul 2011

Xuventudes Socialistas de Ourense acusa ó PP de complicidade coa delincuencia.

  • Os mozos do PSdeG facéndose eco do sentimento maioritario da cidadanía tildan de “moralmente delictuosa” a concentración de homenaxe ao “convicto” Benigno Moure Cortés



Ourense, 15 de xullo do 2011


Xuventudes Socialistas de Ourense cualifica “acto de complicidade do PP coa delincuencia” a presenza de José Luis Baltar e outros dirixentes dese partido na concentración de homenaxe ao líder da Fundación “San Rosendo”, Benigno Moure Cortés, celebrada onte baixo a convocatoria do colectivo “Limiar”, á que tildan de “moralmente delictuosa".


Os mozos socialistas baséanse na condea a varios anos de cárcere recaida sobre Moure para lembrar que é un delincuente, un ladrón sentenzado por tentar roubarlle “arteramente o patrimonio a unha anciá aproveitando a súa senilidade”, algo que cualifican de “realmente repulsivo”.

Respecto ao acto de homenaxe a Moure, Xuventudes Socialistas amosa a “absoluta indignación” dos mozos progresistas ourensáns ante o que reputan “sinvergonzonería moralmente delictuosa”, coidando que constitúe unha ”apoloxía do delito, neste caso do latrocinio”, así como unha “afrenta á imaxe decente de Ourense”. Singularmente grave consideran a participación da “cúpula” do PP ourensán, nunha “acción de complicidade e apoio expreso á delincuencia”, algo ao que nin sequera chegaron os seus colegas de lugares como a Comunidade Valenciana.


As mocidades socialistas consideran que a convocatoria “retrata aos que a fixeron, aos que animaron en público ou en privado” a tomar parte no acto, e a todos “os participantes”, e tamén citan á Confederación Empresarial de Ourense, por adicarse a traballar para “un propósito tan repugnante”, especialmente “en tempos de crise”, e a Limiar, lembrando que xa organizara outra homenaxe a José Luis Baltar; e se preguntan qué tipo de favores debe esa xente, ou a qué camarilla secreta poden servir para prestarse a honrar “a un ladrón” como Moure, “independentemente de se o convicto ten que ver ou non cos incidentes de carrexo de votantes maiores en distintos procesos electorais”.


Finalmente, Xuventudes Socialistas de Ourense amósase convencida, polos comentarios que estivo a “detectar na maioría silenciosa dos cidadáns” que a expresión desta postura reflicte

“a indignación xeneralizada na cidade ante esta ignominia”.