18 ene 2013

O recurso doado da dereita máis ultraliberal


         Non hai moito unha das dirixentes políticas máis destacadas da dereita sensacionalista deste país formulaba un tema ao patio político. Este tema era, nada máis e nada menos, que suprimir os soldos dos parlamentarios autonómicos. Contribuíndo con esta medida, de recurso doado, a tocar de cheo a sensibilidade social da cidadanía con respecto ás retribucións dos seus políticos. Moitas persoas ao ler isto entenden que a clase política neste país debería estar ao servizo da cidadanía e non ao revés.

Non obstante detrás desta medida, mal intencionada e tendenciosa, o único que se escondía era unha forma de distorsionar e limitar a participación cidadá, de forma lexítima, na política, consagrada constitucionalmente no noso país como un dereito fundamental. Dende logo tamén cheguei á conclusión que a dereita máis rancia deste país á hora de erixirse como ferventes patriotas son os primeiros pero á hora de demostralo xa vemos que, aparte de distar moito da realidade, poden quedar, con moita facilidade, á altura do betume.

Pero nun tema de tan candente actualidade, na casa da dereita máis rancea non se poñen nin eles mesmos de acordo. Mentres no Ministerio de Facenda din que os Alcaldes non poden cobrar cuantitativamente máis que un Secretario de Estado, veñen despois persoas como a Botella e din que tarari que te viu. Por non falar dalgún parlamentario autonómico e, actualmente, Alcalde de Seseña que xustifica que se lle retire a digna retribución dos parlamentarios do Parlamento Castelán-Manchego para evitar, segundo él, a "los vividores da política", mentres este señor nun exercicio de coherencia, a coherencia a que nos ten afeitos a dereita deste país, dótase dun soldo e dedicación exclusiva, como Alcalde, de 40.000 euros anuais.

Mentres, María Dolores de Cospedal, a súa Presidenta Castelán-Manchega berraba e berra aos catro ventos que os parlamentarios autonómicos non deben cobrar pola súa actividade parlamentaria. Esa señora que facendo un exercicio de hipocrisía política, nun nivel moi avanzado, se embolsaba, no ano 2011, 205.000 euros brutos e tributaba no IRPF por 3.000 euros. A mismita que cobraba nese ano máis que o Presidente do Goberno central do Estado. Para clarificar, a procedencia deses soldos destaco que correspondían ao Senado, ao Parlamento Castelán-Manchego e ao partido popular. Si señora, cobrando de tres sitios públicos, xa que todos eses sitios reciben en menor ou maior medida diñeiro público, e agora montando a de "San Quintín. Non podía aguantar por un minuto máis, malia estar ela durante un ano así, a indecencia que supoñía estar a cobrar por prestar un servizo público á cidadanía.

Non obstante este tema dentro das filas da dereita destapa moita "sensibilidade" prefiren recortar en calidade democrática pero que os seus asesores políticos queden intactos. Explícome, mentres o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na pasada lexislatura, propoñía reduciro Parlamento Galego de 75 a 61 deputados argumentando que esta medida contribuiría a aforrar 1,2 millóns de euros mantiña por 2,5 millóns de euros a todos os seus asesores políticos da estrutura de Goberno. Logo nas canles da TDT party son os primeiros de presumir, como dixen antes, de patriotismo, entenderíao se cando presumisen, fóra de patriotismo de lata vista as súas accións.

Pero a xustificación para esnaquizar, cada vez máis e un pouquiño máis, a calidade da nosa democracia reside na chamada austeridade. É imprescindible que teñamos iso claro, gastouse un montón e eles son os enxeñeiros financeiros que virán a cadrar as contas públicas deste país. Tendo en conta que na maioría de Comunidades Autonómas gobernaba a dereita, é curioso que agora se pinten como os adaís do aforro e a eficiencia na utilización dos recursos económicos públicos.

As piruetas ás que nos teñen afeitos os que levan gobernando este país, directa e indirectamente, case toda a vida son tremendas. Podería poñer exemplos de que son os últimos en predicar co exemplo. Dende parlamentarios que se queixan por gañar 5.100 euros ao mes mentres gañaban como directivos dunha empresa semipública máis do dobre desa cifra, ata Presidentas da Comisión de Economía do Congreso dos Deputados que teñen uns cantos pisitos en Madrid e son elixidas pola circuscripción de Madrid pero queren cobrar a asignación en concepto de indemnización por aloxamento, falamos en torno a 1.800 euros por este último concepto e asígnase, con carácter xeral a parlamentarios elixidos que sexan de fóra da provincia de Madrid.

Os exemplos anteriores son exemplos reais e deben tomarse como tales, e tocar de cheo a sensibilidade da cidadanía, pero curiosamente eles sempre están afeitos a facer e desfacer o que lles dá a real gana e que non sexan xulgados por iso. É o país do mundo ao revés. Botan sempre a culpa á herdanza recibida pero parte desa herdanza debémoslla a eles e á súa política de quebra, e podemos mirar de esguello a Comunidades como a Valenciana.


José Manuel Montero
Sº de Comunicación e Movementos Sociais da Agrupación Local de Xuventudes Socialistas de Ourense