Contan que na carpintaría houbo unha vez unha estrana asemblea. Foi unha reunión de ferramentas para arranxar as súas diferenzas. O martelo exerceu a presidencia, pero a asemblea notificoulle que tiña que renunciar. A causa? Facía demasiado ruído! E, ademais, pasábase o tempo golpeando.
O martelo aceptou a súa culpa, pero pediu que tamén fose expulsado o parafuso; dixo que había que darlle moitas voltas para que servise de algo.
Ante o ataque, o parafuso aceptou tamén, pero á súa vez pediu a expulsión da lixa. Fixo ver que era moi áspera no seu trato e sempre tiña friccións cos demais. E a lixa estivo dacordo, a condición de que fose expulsado o metro que sempre lla pasaba medindo os demais segundo a súa medida, coma se fose o único perfecto.
Niso entrou o carpinteiro, púxose o mandil e iniciou o seu traballo. Utilizou o martelo, a lixa, o metro e o parafuso. Finalmente, a ruda madeira inicial converteuse nun lindo moble.
Cando a carpintaría quedou novamente soa, a asemblea continuou a deliberación. Foi entón cando tomou a palabra o serrón, e dixo: "Señores, quedou demostrado que temos defectos, pero o carpinteiro traballa coas nosas calidades. Iso é o que nos fai valiosos. Así que, non pensemos xa nos nosos puntos malos e concentrémonos na utilidade dos nosos puntos bos".
A asemblea encontrou entón que o martelo era forte, o parafuso unía e daba forza, a lixa era especial para afinar e limar asperezas e observaron que o metro era preciso e exacto.
Sentíronse entón un equipo capaz de producir mobles de calidade. Sentíronse orgullosos das súas fortalezas e de traballar xuntos.