O secretario xeral, Aitor Bouza, presentou xunto coa secretaria de igualdade, Anabel Rey, a campaña ‘Tes dereito á túa vida. Tes dereito a decidir. Nós decidimos’
As Xuventudes Socialistas de Galicia
esixiron hoxe “a retirada da reforma que ten intención de impoñer o
goberno de Mariano Rajoy en materia de aborto e saúde sexual e
reprodutiva”.
O secretario xeral, Aitor Bouza, definiu
a proposta de reforma da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo
como “un retroceso propio de tempos franquistas que amosa unha posición
ultraconservadora por parte da dereita española retirándolle o dereito a
decidir ás mulleres”.
O líder das XSG reivindicou a “Lei IVE
aprobada polo Goberno socialista baseada en prazos que lexitimaban o
dereito a decidir das mulleres”. Para Bouza, esta lexislación “non se
trataba simplemente dunha ‘Lei do aborto’, senón dun plan que acadou a
diminución do número de interrupcións voluntarias do embarazo grazas ao
aumento da educación sexual e reprodutiva”.
Bouza cuestionou a constitucionalidade
desta reforma, xa que “non garante os dereitos fundamentais das
mulleres”. “O que propón o Partido Popular constitúe un gran risco para a
súa vida e a súa saúde e condena a súa liberdade de decisión
obrigándoas a recorrer á clandestinidade para dispoñer deste dereito”.
En opinión das Xuventudes Socialistas,
“a reforma da Lei IVE corresponde exclusivamente a razóns ideolóxicas
lideradas pola Igrexa católica e retoma as condicións que establecía a
lei do ano 85, relegando a España á cola dos dereitos das mulleres con
respecto ao resto de países europeos”.
“O Partido Popular non pode insultar de
novo á cidadanía promovendo a idea de que esta reforma atende a razóns
de austeridade” –engadiu Bouza. “A igualdade entre homes e mulleres non
entende de retallos que atentan contra uns dereitos adquiridos grazas á
democracia” –concluíu.
#nosotrasdecidimos
Fonte: www.xuventudessocialistas.org/