14 dic 2009

O PSdeG de Ourense esixe ao PP que deixe “as loitas cainitas do seu partido” e se interese polos problemas da provincia



- Os socialistas de Ourense critican que Feijóo pague un soldo a Rogelio Martínez para que exerza de “comisario político”

- As loitas de poder do PP impide que se dediquen aos problemas reais da provincia


Ourense, 14 de decembro de 2009.- O PSdeG de Ourense esixiu hoxe ao PP que abandone as “loitas cainitas” que ten o partido e se interese polos problemas dos cidadáns desta provincia.

O secretario provincial, Raúl Fernández, e a secretaria de Organización do PSdeG ourensán, María Quintas, criticaron hoxe o “espectáculo de delirios mediáticos” que está a manter o PP en Ourense, onde “cada un di unha cousa distinta cada día”.

Os socialistas cuestionaron que un ourensán como Feijóo teña a provincia abandonada mentres paga un soldo ao delegado provincial, Rogelio Martínez, para que exerza de “comisario político dos seus intereses”. Sinalan ademais que Feijóo “non debería tentar solucionar os seus problemas co diñeiro dos ourensáns, senón investir na provincia”.

O PSdeG en Ourense lembra que dende que Feijóo é presidente da Xunta “a provincia ten cero euros en investimentos, un Plan Impulsa con cero euros orzamentados, cada día hai mais EREs e aumenta o paro” e neste momento de crise “está mais ocupado nas “batallas internas do partido” que en aportar solucións aos cidadáns ourensáns.

O PSdeG sinala que o PP ourensán funciona como “programa do corazón” onde “cada un di unha cousa hoxe e mañá a contraria”, e que ten como máximo expoñente ao delegado provincial “que primeiro di que Baltar non pode ser secretario provincial, despois asegura que vai haber dúas listas, e logo remata dicindo que é José Luis Baltar o que ten que encabezar o PP ourensán”.

Critican ademais que o “culebrón” entre Baltar e Martinez supón “un ninguneo para os militantes do PP e un desprezo para os ourensáns” xa que o único que demostra é que “o PP está mais preocupado dos seus problemas de liderazgo
que de
fomentar as oportunidades para os cidadáns da provincia”.


Por elo, o PSdeG ourensán reclama ao PP que “solucione os seus problemas internos” e “se poña inmediatamente a traballar pola provincia” que está a vivir unha situación especialmente difícil.