9 may 2011

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE OURENSE AMOSAN “ROJA A LA DESVERGÜENZA”




- A campaña, orientada ós comicios do día 22, denuncia o xeito de facer política do Partido Popular caricaturizando a “fixache” do ex-árbitro Bernardino González, que protagoniza unha “peculiar” portada do “Marka”.

- Os mozos socialistas piden o voto para o PSdeG como a única opción fiable para garantir o respecto ás institucións e ós cidadáns.



Esta mañá, no Campus de Ourense, as Xuventudes Socialistas de Ourense lanzaron a súa campaña para as vindeiras municipais co título “Roja a la desvergüenza”, que será distribuída, ademais de nos puntos de reunión dos xoves da cidade, especialmente a través das redes sociais. No cartaz , unha recreación da portada dun coñecido xornal deportivo madrileño, o candidato á alcaldía do PP, Rosendo Fernández, José Luis Baltar, número 2 da candidatura, e Bernardino González, número 8 e recente incorporación ás filas do Partido Popular que, “ó mesmo tempo – denuncian os socialistas -, obtivo unha praza na Deputación Provincial de Ourense” , aparecen recibindo un cartón vermello por outro árbitro que representaría, explican, “a indignación da cidadanía ante ese xeito de actuar en política”.

Asemade, no texto da campaña, alertan de que numerosos familiares directos doutros integrantes da candidatura do Partido Popular en Ourense traballan ou teñen traballado tamén no ente provincial, o que consideran “probabilísticamente sospeitoso”. No mesmo parágrafo remiten á web enchufadosppourense.blogspot.com onde se atopan inventariados un listado de máis de 300 persoas ligadas o PP provincial que foron contratadas pola Deputación; víronse obrigados a citala, explica José Antonio Nóvoa, vicesecretario xeral e membro da candidatura do PSdeG na cidade, “porque para recoller iso na campaña, máis que un panfleto teríamos que editar unha guía telefónica, e non acada o noso orzamento”.

A campaña, ambientada nun contexto futbolístico, denuncia tamén unhas manifestacións realizadas a través das redes sociais da Internet polo candidato popular, Rosendo Fernández,
nas que di “ya quisiera yo ser Mouriño, sin ser portugués.....”, por ser, segundo os socialistas, “ofensivas co gran colectivo de traballadores lusos que traballan e viven entre nós”.




Por último, as Xuventudes Socialistas piden o voto para o PSdeG “como o único garante do respecto ás institucións a ós cidadáns e para que a Deputación deixe de ser o chiringuito do PP”.