O secretario Xeral de Xuventudes Socialistas de Ourense, Jonathan da Silva, e a secretaria de Igualdade desta organizaicón, Irina Fernández, explicaron hoxe en rolda de prensa a denuncia presentada ante o Valedor do Pobo contra a Secretaría Xeral de Igualdade, pola deixadez das súas funcións de “vixilancia e acción de cesación ante a publicidade sexista nos locais de ocio nocturno”.
No Día Internacional das Mulleres, Da Silva censurou o “pasotismo” da Xunta de Galicia ante este tipo de publicidade “susceptible de ser cualificada como ilícita”, o que motivou a denuncia ante o Valedor, unha iniciativa apoiada pola secretaria de Igualdade do PSdeG e ex secretaria de Estado nesta materia, Laura Seara.
Trátase de campañas de locais de ocio nocturno que utilizan a imaxe da muller como reclamo, “campañas sexistas, indecorosas, que non son éticas nin legais” polo que “deben ser censuradas e perseguidas” pola Secretaría Xeral de Igualdade, segundo marcan a Lei de Violencia de Xénero e a Lei Galega de Igualdade.
Irina Fernández fixo “un chamamento á cidadanía para que denuncien aqueles casos nos que se dá unha imaxe estereotipada e denigrante da muller, casos que non son illados”.
Lembrou que a nivel nacional existe o denominado “Observatorio da Imaxe da Muller”, que depende do Instituto da Muller, organismo ante o que calquera pode denunciar aquela manifestación que considere que prexudica a imaxe da muller.
Destacou que en 2008 presentáronse 317 queixas ante este Observatorio, sendo a televisión o medio máis denunciado, protagonizando o 42% das denuncias.
Tamén sinalou que no 2007 un 35,6% das queixas remitidas a este organismo foron realizadas por homes, polo que afirmou que “non só denuncian as mulleres, senón que tamén hai homes que mostran o seu interese por destruír certas imaxes que non se axustan á realidade e que son discriminatorias e denigrantes para as mulleres”.