O acto tivo lugar no centro cívico municipal da rúa Colón, e foi organizado pola secretaria provincial de Cidadanía e Interculturalidade do PSdeG, Leticia Cid Couce, e Xuventudes Socialistas de Ourense
O Partido Socialista celebrou hoxe en Ourense unha xornada de traballo e convivencia coa comunidade senegalesa, baixo o título “política e sociedade”.
O acto, que tivo lugar no centro cívico municipal da rúa Colón, foi organizado pola secretaria provincial de Cidadanía e Interculturalidade do PSdeG, Leticia Cid Couce, e Xuventudes Socialistas de Ourense.
O programa da xornada incluíu unha primeira charla coloquio, “Facer política en Senegal”, na que Pablo Cid, secretario de Política Reivindicativa de Xuventudes Socialistas de Ourense, fixo unha síntese do contexto político en Senegal e Mansour Wade, ex-secretario Xeral das Xuventudes do Partido Democrático Senegalés na provincia de Bambey, disertou sobre o xeito de facer política das e dos xoves senegaleses.
Posteriormente, Ibrahima Diouf, presidente da Asociación de Inmigrantes Senegaleses de Ourense, falou das principais demandas do colectivo.
Pola súa banda, Leticia Cid, secretaria provincial de Cidadanía e Interculturalidade, fixo fincapé na necesidade de que as e os veciños senegaleses se impliquen na participación política como un vehículo para a integración real e efectiva e para a defensa dos seus dereitos, e convidounos a facelo a través do Partido Socialista que, en todo caso, "coma sempre, estará a vangarda na defensa dos dereitos sociais e da diversidade cultural."