Émile-Auguste
Chartier, “Alain”, filósofo francés
dos séculos XIX-XX escribía: “Dícese que
as novas xeracións serán difíciles de gobernar. Así o espero”. Hoxe, tal
cal, non podo máis que compartir o mesmo anhelo: o desexo de que o
inconformismo da xuventude impulse un cambio definitivo na deriva retrógrada e
autodestrutiva na que a dereita está sumindo a Europa e a Galicia.
Tamén agora son
moitos os que cuestionan e criminalizan aos xóvenes que se mobilizan por un
modelo socioeconómico máis xusto, aos que reivindican unha maior participación
ou aos que aspiran, honestamente, a un emprego co que subsistir.
Eu teño
esperanza neses xóvenes, con moitos dos cales levo compartido experiencias na
política xuvenil, na universidade ou no Terceiro Sector dende que teño catorce
anos. Mozas e mozos preocupados polo seu futuro e que non se resignan.
Dende a miña
militancia no PSdeG, acollín esperanzado o 15-M. Coido que, de existir un “cuarto poder” no noso país, mellor que sexa
o conformado por centos de miles de cidadáns reflexionando, opinando e
manifestándose de xeito desinteresado nas prazas públicas, que non o conformado
por grandes grupos empresariais ou mediáticos.
Pero espero
moito máis da miña xeración, porque sei que temos a enerxía e a
responsabilidade necesarias.
Días, meses, anos
de indignación, de manifestacións máis que xustificadas, carecen de senso se
non somos capaces de cambiar o rumbo no momento en que a política nos outorga,
a todos e a todas por igual, o “poder”
para facelo. Votar, votar e votar; así se cambian as cousas en democracia.
Penso que hai
motivos e que hai alternativas. Cincuenta mil mozos e mozas en paro que, de non
ser polos seus pais, estarían na indixencia. Así de cru, así de real. Os sistemas
de saúde e de educación están a ser desmantelados; os nosos dependentes en
situación de desamparo e os nosos pensionistas na total incerteza. Están
aproveitando a conxuntura para acabar co Estado de Benestar e coa cohesión
social.
A cuestión é se decidimos
continuar afundidos na economía do sufrimento, ou apostamos pola economía do
crecemento; se decidimos que a crise a continúen pagando as vítimas, ou se a
pagan os culpables; en definitiva, se levantamos a cabeza ou se permitimos que
continúen a afogarnos.
Eu creo que hai
alternativas: imposto aos bancos, ás rendas de máis de 120.000 €, ás grandes
superficies; incremento do imposto sobre o patrimonio, reactivación económica
baseada na coñecemento e blindaxe dos servizos públicos, universais e de
calidade. No actual contexto non se poden facer grades promesas, pero esta é a
base do proxecto socialista para o futuro do noso país. Un futuro que pasa, non
teñamos dúbida, polo esperanzador inconformismo da xuventude.
Jonathan Da Silva
Sº xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense e
candidato ao Parlamento de Galicia polo PSdeG na provincia de Ourense