17 oct 2012

Denuncian que en Galicia “hai xa unha situación larvada de indixencia xuvenil”



    O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense e candidato ao Parlamento galego, Jonathan Da Silva, ante os datos publicados polo INE que reflicten que no que vai de 2012 case mil mozos e mozas de entre 20 e 34 anos abandonaron a provincia de Ourense, denunciou que “en Galicia hai xa unha situación larvada de indixencia xuvenil, pois falamos dun total de 50 000 xóvenes parados/as, dos cales a metade teñen formación universitaria, que, de non ser polas redes de apoio familiar e polos seus pais, estarían na rúa”, o leva, segundo Da Silva, a que “para os xóvenes galegos, hoxe, a emancipación é practicamente unha utopía”.
Neste senso, Da Silva explica que pese a se-lo desemprego o principal problema en Galicia, onde o seu aumento durante o goberno de Feijoo duplicou ao do conxunto de España, a Xunta reduciu o orzamento destinado a políticas activas de emprego nun 50%, engadindo que “do pouco que destinan, o adican “arbitrariamente, por unha banda, a facer cursiños inservibles e, por outra, a facer favores aos alcaldes amigos, como foi o caso dos plans de cooperación para a contratación de desempregados por parte de entidades locais”, e abundando co exemplo de que nese capítulo, no último exercicio orzamentario, a Consellería de Traballo destinou ó conxunto da provincia 2,3 millóns de euros, dos cales á cidade, pese a concentra-lo maior número de desempregados/as -en torno a 11 000-, só recibe 48 000€; o resto vai esencialmente, a concellos gobernados polo PP, para colocar aos seus afíns; é un insulto á intelixencia”.
Os/As mozos progresistas ourensáns, porén, manifestan a súa esperanza en que o vindeiro día domingo se produza un cambio en Galicia que permita ao PSdeG impulsar propostas “non para solucionar o paro en corenta e cinco días, como prometeu Feijóo no 2009, pero si para comezar a resolvelo con iniciativas como a dun programa de 12 500 becas-contrato por ano en empresas de sectores produtivos estratéxicos, e non en concellos e deputacións, para que os nosos xóvenes teñan unha primeira experiencia no mercado laboral”, en palabras de Da Silva.