3 oct 2012

XX.SS PRESENTAN RECURSO CONTRA AS BASES DAS “BOLSAS LEONARDO” DA DEPUTACIÓN DE OURENSE


   
    Denuncian que o criterio de selección dos bolseiros é “absoluta e decisivamente subxectivo”.

   Consideran que se incumpre a Lei de subvencións de Galicia, que  fixa como principio o establecemento de criterios obxectivos



          As Xuventudes Socialistas de Ourense dirixirán á Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Ourense un recurso de reposición sobre as bases das bolsas internacionais de prácticas para titulados universitarios que a Deputación Provincial xestiona no marco do Programa europeo Leonardo Da Vinci.  As bases, publicadas no Boletín Oficial da Provincial do 2 de Outubro, fixan uns criterios, segundo o secretario xeral da organización, Jonathan Da Silva, “absoluta e decisivamente subxectivos”.

Trátase de 44 bolsas que consisten en prácticas laborais e cursos de imersión lingüística en países da Unión Europea durante 14 semanas coas que se cubren, entre outros, gastos de aloxamento, manutención e o desprazamento das e dos beneficiarios.

Os criterios a empregar pola comisión de valoración, presidida  polo Presidente da Deputación ou deputado en quen delegue, son estar empadroado na provincia (1,5 puntos), a aptitude idiomática (ata 3 puntos), ter certificado de discapacidade (0,5 puntos), ter obtido o título universitario nun centro da provincia (0,5 puntos) e, sendo eliminatoria, unha entrevista persoal (5 puntos).

En definitiva, denuncian os xóvenes socialistas, “a entrevista persoal, alén de ser eliminatoria,  supón case o 50% da puntuación total, mentres se renuncia completamente a criterios obxectivos como poden ser a renda familiar, o curriculum académico ou a formación de postgrao”, o que supón, segundo os socialistas, un incumprimento dos artigos 5 e 14 da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia nos que se fixan como principio e requerimento para as bases, entre outros, o 
da obxectividade.

No recurso de reposición, as Xuventudes Socialistas solicitan ó ente provincial una revisión das bases nas que se reduza ó máximo a subxectividade do procedimento e se opte por criterios de maior obxectividade e transparencia.