1 may 2013

PSdeG e Xuventudes reivindican xuntos "Un futuro digno para Ourense" no 1º de Maio

      
    Como cada 1º de Maio, o progresismo ourensán vivíu esta mañá unha xornada de reivindicación de dereitos para as e os traballadores do noso país e de reivindicación, especialmente, dunha aposta polo crecemento e pola creación de emprego.


Na homenaxe a Pablo Iglesias, interviron a secretaria xeral da agrupación local do PSdeG e os coordenadores comarcal e provincial do sindicato irmán UXT, coorganizadores do acto. As intervencións fixeron fincapé na necesidade de cambiar o paradigma co que as institucións están a tentar resolver a crise, a  economía da austeridade e do sufrimento, por unha economía ao servizo da cidadanía e do benestar.





De seguido, tivo lugar a tradicional manifestación do 1º de Maio, convocada por CC.OO e UXT, cunha especial lembranza para aqueles que perderon o seu emprego e para os traballadores de T-Solar, moi activos durante a movilización, cuxos postos de traballo están en risco.

Desta volta, por pimeira vez, a proposta desta agrupación local, simpatizantes e militantes de PSdeG e de Xuventudes Socialistas acudimos agrupados tras unha pancarta propia baixo o lema: "Por un futuro digno para Ourense". Na manifestación participaron tamén destacados dirixentes do Partido Socialista, como os secretarios xerais provincial e local, Raúl Fernández e Carmen Dacosta, a deputada Laura Seara, o senador Miguel Fidalgo, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández  así como concelleiras e concelleiros do goberno municipal da cidade.

Ao final da manifestación, coa emotividade habitual, os asistentes entoaron o himno galego, o himno da Internacional e, desta volta, unha apaixoada "Grándola Vila Morena" que iluminou unha mañá, por outra banda, pouco apacible no meteorolóxico.