21 ago 2013

XSG: “Galicia está ardendo mentres Feijóo mira cara outro lado"

Os mozos e mozas socialistas instaron á Xunta “a que non permita labores de prevención por parte das brigadas estando en alto risco de incendios”                                                                                                        
O secretario xeral, Aitor Bouza, cualificou de “nefasta e improvisada a xestión do executivo galego na loita contra os lumes” e denunciou “vacantes sen cubrir de até un 10% nalgunha provincia”

             As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) denunciaron que “un total de 1300 incendios arrasaron a comunidade galega no que vai de ano, o que supón unhas 2200 hectáreas segundo cifras facilitadas pola propia Consellería”. “Nos últimos catro días da pasada semana 150 lumes calcinaron un total de 700 hectáreas, concentrados especialmente na provincia de Ourense”.
Segundo o Secretario Xeral das XSG, Aitor Bouza, “lonxe de preocuparse, a Consellería de Medio Rural leva un ano sen cubrir as prazas vacantes no servizo público de prevención e extinción de incendios da Xunta de Galicia (SPDCIF), mermando os efectivos dispoñibles para facer fronte ante un incendio forestal”. “Na campaña actual na provincia de Lugo están sen cubrir un 10% dos diferentes postos do SPDCIF, o que ocasiona que en moitos casos o número de efectivos que acode por brigada aos lumes, en lugar de cinco, como debería ser, sexan dúas ou tres”.
Bouza denunciou que “ademais do desmantelamento deste servizo público de emerxencias que se está a levar, pasamos dun dispositivo público contratado directamente pola administración galega a un modelo de convenio con Concellos ou contratación de empresas externas”. “Isto conleva que, lonxe do mando único que sería desexable no dispositivo neste momento, unha brigada dependa de diferentes entes”.
A Organización denunciou tamén “o recorte orzamentario que está a levar a Xunta do PP no que a extinción de incendios se refire, mantendo por exemplo infraestruturas como as bases de Portomarín en Lugo e O Barco en Ourense pechadas sen helicóptero e sen brigada”.
Dende as XSG lamentaron que “a Consellería de Medio Rural esperase até este mes de agosto para formalizar os últimos contratos de aeronaves do dispositivo e para a sinatura dos convenios cos diferentes Concellos para as brigadas de reforzo de verán, retraso que propiciou que a día de hoxe exista algún concello con persoal sen seleccionar”. “Co anterior modelo de contratación persoal estaba seleccionado no mes de Xuño e comezaba a incorporarse o dispositivo progresivamente no mes de xullo”.
O líder das XSG esixiu á “Conselleira do Medio Rural que inste ás brigadas que neste momento prestan servizo na nosa comunidade en días de risco extremo ou alto como os que estamos a vivir se dediquen unicamente a realizar tarefas de vixilancia e extinción e non de prevención”.
Bouza concluíu esixindo que “se volva a un modelo de contratación pública e directa do dispositivo de reforzo de verán por parte da administración autonómica e que se deixe de recortar en servizos públicos como o SPDCIF”. “Instamos á conselleira de Medio Rural a que desenvolva unha política clara de prevención de incendios forestais e o deseño dun operativo áxil e eficaz que poida dar resposta á lacra dos lumes que azoutan a nosa comunidade, deixando atrás o modelo de “contratos anticiclónicos” na contratación do reforzo de verán”.


FONTE: www.xuventudessocialistas.org