5 nov 2009

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE OURENSE PRESENTAN A CAMPAÑA “Auténtico BiPPartito”


Esta mañá, as Xuventudes Socialistas de Ourense presentaron en rolda de prensa a campaña “Auténtico BiPPartito”. Con ela pretenden, segundo o secretario xeral da organización, Jonathan Da Silva, “ pór o acento na paradoxa que supón que o único discurso do PP na oposición durante o goberno de Touriño, e o que é o único discurso do PP en Ourense, referíndose a supostos conflitos entre PSdG e BNG, se lle estea o voltar en contra e resulte ridículo perante o espectáculo de canibalismo político que nos veñen ofrecendo dende hai tempo Nuñez Feijóo, presidente do PPdeG, e o barón provincial José Luís Baltar”

A campaña é esencialmente gráfica, e consta de carteis, panfletos e unha postal dixital para a súa difusión na Internet. Na ilustración aparecen caricaturizados Nuñez Feijóo e José Luís Baltar librando un combate de boxeo, namentres, nas esquinas do ring, animan os “masaxistas” Rogelio Martínez – Delegado Provincial da Xunta en Ourense -, e Enrique Nóvoa – portavoz municipal do PP en Ourense-. A composición foi deseñada polo debuxante pontevedrés Gogue que, colaborador en diversos medios de comunicación, ten acadado xa distintos premios e Mencións a nivel internacional.

Na súa comparecencia, os xóvenes socialistas censuraron que o PP siga poñendo en cuestión permanentemente a lexitimidade dun goberno municipal formado polo PSdG e o BNG cando, din: “os gobernos de coalición veñen sendo comúns e prósperos na maioría de países do noso entorno, e son unha fórmula hixienizante para a saúde democrática, especialmente en lugares onde esta está tan infectada como en Ourense”.

No reverso dos panfletos e na postal dixital adxúntase un texto “caricaturesco” no que, empregando a xerga boxeística, se fai un precorrido polos incidentes máis notables entre Baltar e Feijóo, comezando pola designación de Pássaro como número 1 polo PP na Provincia de Ourense nas últimas autonómicas, a privación ó fillo de Baltar dunha “anhelada” Consellería ou o nomeamento de Rogelio Martínez como Delegado; feitos, todos, que conlevaron unha contundente resposta do barón provincial. De feito, manifesta Da Silva, “non parece casual que tanto Pássaro como Rogelio saíran chamuscados politicamente en só tres días tralos seus nomeamentos; especialmente cando Rogelio levaba 20 anos xa en política”

Finalmente, no texto, ponse de relevo a boa sintonía dentro do goberno municipal no que, “á marxe do que realmente si é un “Auténtico BiPPartito”, á marxe desas guerras sanguentas no seo do Partido Popular”, o certo é que, a data de hoxe, todas as decisións adoptadas en Xunta de Goberno foron aprobadas por unanimidade, e todas elas están a contribuír a que a cidade estea a transformarse a un ritmo vertixinoso a pesares da crise.

Un saúdo, Gabinete de Comunicación