18 feb 2010

“SEN PADRIÑOS”, A NOVA CAMPAÑA DE AFILIACIÓN DAS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE OURENSE

Usan a imaxe de “O Padriño”, baixo un símbolo de prohibición, para achegarse a aqueles xóvenes asqueados coa dinámica caciquil da provincia

“¿Farto de que en Ourense faga falta padriño para todo?”; así encabezan as Xuventudes Socialistas de Ourense a súa nova campaña de afiliación que veñen de iniciar hoxe. Unha campaña que conta para a súa difusión con cartazos, panfletos e postais dixitais, así como un grupo no Facebook, presididos por unha ilustración na que aparece Marlon Brando (“El Padrino”) baixo un símbolo de prohibición, e co eslogan “NON TE RESIGNES. AFÍLIATE” sobre o logotipo da organización xuvenil do PSOE.

Con este concepto os xóvenes socialistas intentan abrir a porta da política a aqueles mozos e mozas que caen na resignación ante “a institucionalización do caciquismo como sistema político da provincia”, segundo sinala o secretario xeral da organización, Jonathan Da Silva,
e vai orientada a alumnos de secundaria, universitarios e xóvenes traballadores, sendo os únicos requisitos para afiliarse ás Xuventudes Socialistas ter menos de 25 anos e “ganas de rachar coa dinámica actual”.

No texto dos dípticos, a organización xuvenil fala de que a dereita “fai virtude do escaso desenvolvemento da provincia e da falta de opcións para mercar simpatizantes e manterse nunha democracia cautiva” pero, sinalan tamén, que nunha provincia de máis de 300.000 habitantes, “soamente hai pastel para uns poucos, e se o resto non nos resignamos e nos movemos, podemos cambiar unha realidade na que parece que hai que ter padriño para todo, e na que padriños e priviliaxiados actúan impúnemente”.

Por último, explica Da Silva, que escolleron este momento para o lanzamento da campaña e para dar un impulso á militancia socialista “por dous factores moi singulares: a proximidade das elección municipais, e a necesidade de ofrecer ós xovenes ourensáns unha alternativa optimista en contraste co lamentable continuísmo da dinastía caciquil ourensá que concibe nun militante, un súbdito, un número para gañar batallas intestinas e manter o chiringuito”