As Xuventudes Socialistas atopan na dispersión poboacional da provincia, a perigosidade das estradas secundarias e a climatoloxía, causas máis que suficientes para considerar este servizo indispensable.
Segundo o Sº Xeral da organización, Jonathan Da Silva, “o Noitebus custalle a Xunta menos, por exemplo, do que lle custou promocionar o seu Decreto contra o Galego”.
Ourense, 23 de setembro de 2010
As Xuventudes Socialistas de Ourense reclaman a permanencia do servizo do “Noitebus” en toda a Comunidade, especialmente, das 29 liñas que se articulan na provincia de Ourense e que comunican, nas noites das fins de semana, vilas coma O Carballiño, Xinzo ou Verín entre outras.
Os xóvenes socialistas consideran que este servizo é indispensable no interior de Galicia, tendo en conta a perigosidade das estradas secundarias, a dispersión das principais poboacións, e os riscos inherentes á condución nocturna –sobre todo nos meses de inverno que se aproximan-.
Non se debe esquecer que nos últimos anos vén de producirse unha notable redución dos accidentes de tráfico grazas a un esforzo intenso das administracións públicas e, segundo a organización xuvenil do PSdeG, “resulta lamentable que a Xunta de Feijóo, lonxe de contribuír no ámbito da seguridade viaria, incluso pretenda eliminar medidas preventivas tan significativas como a do Noitebus”
En definitiva, as Xuventudes Socialistas de Ourense reclaman á Xunta de Galicia que non suprima un servizo que, segundo din, “pretende protexer a vida dos xóvenes galegos, e sae máis barato ao executivo, por exemplo, que algo tan espureo como a promoción do Decreto contra o Galego”.