31 mar 2013

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE OURENSE TILDAN DE “ESCARNIO” O INCREMENTO NAS TARIFAS DOS EQUIPAMENTOS XUVENÍS DA XUNTA


-   En dous anos, o incremento nos prezos dos servizos e equipamentos xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude chegou até o 27 % nalgúns casos.

-   O prezo por praza nas residencias de estudantes aumentou nun 23,2 %  en dous anos.

-   Denuncian “falta de sensibilidade nun momento no que o paro xuvenil chega ao 50%”.

Ourense, 31 de Marzo de 2013

      A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia vén de aprobar, o pasado 18 de Marzo, a orde que establece os prezos para o ano 2013 dos servizos, actividades e equipamentos xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, como son os Campamentos de Verán, os albergues ou as residencias de estudantes, como pode ser a “Residencia Florentino López Cuevillas”, no centro da cidade das Burgas.

Trala súa publicación no D.O.G. do pasado do pasado luns 25 de Marzo, as Xuventudes Socialistas de Ourense denuncian que este é o segundo ano consecutivo no que as tarifas son incrementadas, chegando a ser os prezos dalgúns servizos até un 27% máis caros que no ano 2011.  Destacan o incremento nas tarifas dos Campamentos de Verán, cuxo prezo aumentou nestes dous anos, para as estadías quincenais, nun 22,8 % , e para as estadías diarias, nun 27,3 %. Outro exemplo sería o caso dos Campos de Traballo Nacionais e Internacionais, cuxo incremento se produce entre 2012 e  2013, sendo prezos para este ano un 25% superiores ao ano anterior.

O caso “máis preocupante” é, para os socialistas ourensáns, o incremento na tarifa das Residencias de Estudantes, orientadas a mozos e mozas con menos recursos – pois o criterio de admisión atende, esencialmente, a circunstancias socioeconómicas dos solicitantes-, e que presenta un incremento entre 2011 e 2013 dun 23,2%.




Para o secretario xeral da organización, Jonathan Da Silva, este tipo de decisións, “que supoñen un aforro ínfimo para a Xunta de Galicia, denotan unha absoluta falta de sensibilidade da Dirección Xeral de Xuventude. Non somos tan ilusos como para esperar pola súa parte, a estas alturas, algún tipo de iniciativa novidosa e creativa para tentar atenuar un paro xuvenil que chega ao 50%, pero non é moito pedir que non fagan escarnio dos xóvenes galegos”.