Onte pola tarde, en xuntanza aberta a tódolos colectivos da provincia celebrada no Centro Cívico da Ponte, constituíuse a Plataforma ourensá en Defensa do Tren, co gallo de reclamar a restitución das liñas de media distancia suprimidas recentemente por Renfe.
Diversos colectivos veciñais, sindicatos, representantes institucionais de diversos concellos , organizacións políticas ou entidades xuvenís como as progresistas XEO (Xóvenes Estudantes de Ourense) ou a Asociación Xuvenil Áuriga quixeron sumarse á plataforma, constutída en Asemblea cun núcleo operativo plural e diverso.
Desde Xuventudes Socialistas de Ourense, consideran, en palabras do seu secretario xeral, Jonathan Da Silva, que " a rede ferroviaria non pode ser tratada como un producto máis de consumo e non se pode xestionar en función das fluctuacións da demanda, pois os medios de transporte públicos representan unha función social vital para a economía de moitas vilas galegas e para a vida de moitas e moitos cidadáns, especialmente dos estudantes, un dos colectivos máis perxudicados pola reducción de liñas. Coa reducción das subvencións da Xunta ás liñas de media distancia e o seu conseguinte desmantelamento, estanse a obviar por completo todas as externalidades positivas que o tren aporta en zonas onde, precisamente, a rede de estradas non é nin a máis rápida nin a máis segura. "
Nas vindeiras semanas, a plataforma comezará a desenvolver diversas accións de protesta ó ancho de toda a provincia.
![]() |
Foto: La Región |