- Denuncian que está ao límite da legalidade, pois a contía neta do contrato está xusto por debaixo dos 18.000 € permitidos como máximo para os contratos menores por servizos.
- Consideran que a Administración, sobre todo cando está a recortar no básico, ten mecanismos propios suficientes, "se se quere" para actuar con transparencia.
- "Trátase dunha contradicción dun cinismo inadmisible: resulta esperpéntico que unha asesoría supostamente destinada a mellora-la transparencia, se contrate a dedo e, precisamente, sen publicidade", sinala o Secretario xeral da organización, Jonathan Dasilva.
Ourense, 21 de Setembro de 2013
Xuventudes Socialistas de Ourense denuncia públicamente o contrato que a Deputación Provincial vén de asinar cunha consultora de recente fundación ("Mapa Global Consulting S.L."), a través dun contrato menor, para a “asesoría” en “transparencia”, por unha contía de 21.500 € brutos.
"Trátase dunha contradicción dun cinismo inadmisible: resulta esperpéntico que unha asesoría supostamente destinada a mellora-la transparencia, se contrate a dedo e, precisamente, sen publicidade", evidencia o Secretario Xeral da organización, Jonathan Dasilva.
Por outra banda, os mozos socialistas cuestionan a necesidade de que unha empresa externa, nova e totalmente carente de experiencias similares, deba exercer esa función. Consideran que "Se, entre case mil empregados da Deputación, e entre os seus deputados provinciais, o PP non ten a quen delegar ese traballo, José Manuel Baltar está a retratar ao seu propio partido e evidenciando a súa ineficiencia na xestión dos Recursos Humanos da institución provincial".
Ademáis, os mozos socialistas, que se amosan especialmente sensibilizados ante o xeito de funcionar do ente provincial e a súa repercusión na falta de oportunidades laborais en Ourense, consideran farto curiosa a contía do contrato, pois no caso dos servizos, os contratos menores, por debaixo dos 18.000 € netos, se establecen sen ningún tipo de publicidade, concurso, pregos e non esixen informe da Secretaría nin fiscalización previa por parte da Intervención.
Dende a organización xuvenil do PSdeG consideran que todo forma parte "da operación de maquillaxe" que o Presidente da Deputación está a levar a cabo dende que sucedera ó seu pai ao frente do organismo; "unha maquillaxe inverosímil e disparatada, máis propia do entroido que dunha administración pública do século XXI", aseguran.