16 oct 2013

XX.SS. cualifica de “burla” e “cortiña de fume” a proposta de Regulamento de Subvencións da Deputación

Consideran unha “fraude” aos ourensáns que tenten sacar peito a estas alturas por algo que está sobradamente regulado cunha normativa que, ata o de agora, interpretaron como lles deu a gana

Tildan o anuncio de “excusa” para xustifica-las tropelías que se levan cometendo nese ámbito



 Xuventudes Socialistas de Ourense cualifica de “burla” a intención da Deputación Provincial de aprobar un Regulamento propio de Subvencións, cando é unha materia perfectamente regulamentada no ordenamento xurídico vixente.

 Nomeadamente, a Lei estatal 38/2003, de 17 de novembro, “General de Subvenciones”, o Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de dita Lei, e a Lei autonómica 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constitúen, coa lexislación administrativa xeral, un marco máis que “suficiente, concreto, exhaustivo e pormenorizado, como para que podan facer ben as cousas”, afirman en alusión aos propoñentes da inciativa.

 Aínda máis, os mozos progresistas consideran que “resulta tremendamente descarado querer aparecer como ‘pioneiros’ ” neste eido cando, se non hai outros precedentes formais nel en España, é, sinxelamente, pola devandita razón de suficiencia normativa; e cando, no caso da Deputación da nosa provincia, simplemente con comprometerse a cumprir ditas normas, xa darían un paso de xigante."

 Dende Xuventudes Socialistas, como “coñecedores directos” de cómo a exemplaridade brillou pola súa ausencia neste e noutros eidos do funcionamento da institución provincial (e das serias consecuencias que elo supuxo, en xeral, para a mocidade ourensá), lémbrase que a política de subvencións da Deputación ten sido un arma máis da súa estratexia “descaradamente caciquil e clientelar”, e denúnciase que moitas das entidades perceptoras das subvencións do ente provincial, son, como mínimo, “máis que opacas”.

 Por outra banda, os xóvenes socialistas manifestan a súa convicción de que o anuncio en cuestión é, unicamente, unha “descarada cortiña de fume”, pois coincide no tempo co procesamento de José Luis Baltar, e, exacta e concretamente, non só coas novas sobre a gravísima e bochornosa acusación da Oficina da U.E. de Loita contra a Fraude pola ausencia de xustificación aceptábel ao gasto de dez millóns de euros de fondos comunitarios (e, máis concretamente, á admisión a trámite da denuncia xudicial do PSdeG ao respecto), senón tamén, e con semellante exactitude cronolóxica, ás novidades xudiciais que confirman a escandalosa conducta do “superdelegado” provincial da Xunta; casos ambos que si consideran “ilustrativos” do concepto que a dereita ourensá ten do uso (e abuso) das subvencións públicas.